Wednesday 15 de May de 2024

Ames aproba unha liña de axudas para a promoción do comercio local por un importe de 25.000 euros


Os obxectivos que se perseguen son mellorar a calidade e a estabilidade da actividade comercial amiense

O Concello de Ames acaba de aprobar as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local. O importe total das axudas acada os 25.000 euros. As bases foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e nos vindeiros días serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte á súa publicación no BOP.
A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas durante o corrente ano no seo das asociacións de empresarios e de comerciantes do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro correspondente. Dende a concellaría de Comercio e Promoción Económica sinalan, ademais, que o obxectivo das axudas é “potenciar o comercio amiense intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade e procurando a estabilidade da actividade comercial local, outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.
O importe máximo que poderá recibir cada entidade non superará os 9.000 euros. Para percibir o importe íntegro da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar a realización, como mínimo, dun gasto igual ao importe total do proxecto presentado. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes nos rexistros do Concello, situados en Bertamiráns e no Milladoiro.
Haberá dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 19.000 euros, destinarase a subvencionar as accións centradas na comunicación comercial como: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.
A segunda liña de actuación, de 6.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura, funcionamento e equipamento das asociacións -mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web…-. Non se inclúen os gastos de mantemento ordinario, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Todos os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2014.